a vella comisión

by xabier

O venres publicouse a lista de ministros europeos e certamente houbo poucas sorpresas. En realidade, o sistema para elixir os membros da comisión é non só pobremente democrático, senón tamén o mellor método de promoción da ineficacia.

Os membros da comisión son designados polos gobernos dos países, que ademais pelexan polos departamentos máis suculentos. Durão Barroso só ten que combinar esas 27 cartas da baralla do xeito máis intelixente posible, se é que hai algún. O seu traballo é unha decisión sobre equilibrios, non sobre eficacia. E aquí poden verse algúns números:

  • 13 dos 27 membros da Comisión seguirán nos seus postos, e 14 son completamente novos. Este número vén sendo un 52% de renovación (anque en realidade lixeiramente máis, xa que o posto do presidente non estaba sobre o taboleiro… digamos entón o 54%). Non está mal, non si? Sería posible dicir que case a metade dos membros da comisión fixeron un bo traballo, e que merecen seguir ocupando os seus postos. Quizais… pero non é verdade. Todos os membros da Comisión que manteñen o seu choio foron movidos a outras carteiras, agás o presidente (obviamente). A conclusión máis rápida debería ser entón xustamente a contraria: ningún dos membros da comisión fixo un bo traballo. Mais isto é de novo falso. Unha explicación máis lamentable é que a eficacia, a boa gobernanza, non está relacionada coa renovación ou coa permanencia polo que atinxe ás cadeiras da Comisión. Non hai premios nin castigos. Así que se de aquí a 2014 temos un bo goberno europeo será só unha cuestión fortuíta. Xa podemos cruzar os dedos.
  • O número de mulleres pasou de 8 (30%) a 9 (33%), unha cifra ridícula e por veces mesmo aldraxante. Se temos en conta que o traballo do señor Barroso non é outro ca manter un certo equilibrio, poderíamos pensar que el, e mais o resto dos gobernos europeos, considera que un terzo de cadeiras femininas é un equilibrio abondo. Inda direi máis: dos cinco países máis poboados, só un, o Reino Unido, designou unha muller como comisaria. Nin Alemaña, nin Francia, nin España nin Italia. Ou aínda máis: das oito carteiras máis orientadas a labores económicos, as mulleres non teñen ningunha: cultura, internet, vamos… cousas de rapazas. A área cunha maior orientación económica é Pesquerías e Asuntos Marítimos, que levará a grega Maria Damanaki.
Commissioners for party and sex
Membros da comisión por partido e sexo. En negriña, as mudanzas principais na definición das carteiras.
  • Xa coñecemos o argumento: as mulleres deben estar na Comisión polas súas capacidades e pola súa eficacia, non só por seren mulleres. Estrañamente, nunca sentín a ninguén que defendese que un comisario debía estar na Comisión polas súas capacidades e pola súa eficacia, non só por ser maltés. En calquera caso, hai 500 millóns de persoas vivindo en Europa, así que poñamos que hai 250 millóns de mulleres, cando menos. Non hai unha soa muller eficaz e ben preparada entre 2 millóns delas? É iso o que todos estes homes, Barroso á cabeza, nos están a dicir?
  • Se o comparamos coa primeira Comisión de Barroso, onde sentaban catro comisarios e comisarias independentes, nesta nova só haberá un, designado polo anterior goberno conservador romanés na véspera de perder unha moción de confianza.

    European Parties' weight in the Parliament and in the Commission

    Peso dos partidos políticos europeos no Parlamento e na Comisión

  • Hai na Comisión, pois, 12 demócrata-cristiáns, 8 liberais, e 6 socialistas. Poñamos que ese comisario romanés, elixido in extremis é independente de verdade, e poñamos tamén que podemos gardalo no caixón dos non-inscritos. Hai entón dous grupos que teñen unha representación semellante aos seus respectivos pesos no Europarlamento, catro infrarrepresentados (en realidade, o 23% da “vontade popular” non ten ningún tipo de peso na comisión) e dous grupos están sobrerrepresentados: os demócrata-cristiáns teñen un 22% máis de carteiras do que sería de agardar e os liberais o 172% máis, algo tan impresionante como preocupante. Certamente non hai ningunha relación orgánica entre o Parlamento e a Comisión, así que non ten por que haber por forza unha proporción do peso nos dous órganos. Pero o parlamento é, en certa medida, a voz da xente e molaría ver que Durão Barroso e os respectivos gobernos fan escollas máis democráticas ca esta. Claro, iso se asumimos que a democracia importa.

Versión en inglés-wannabe.