bancarrota municipal

by xabier

Os concellos españois teñen grandes cantidades de débeda, pero esta non está homoxeneamente esparexida polo estado, e a bancarrota (por que non?) é unha seria ameaza pra algúns deles. Ou, mesmo peor, pra todos e todas en España. Esta é unha breve análise das cifras da débeda municipal en España e Galicia.

Non teño nin idea de economía. Pero como carezo de calquera tipo de responsabilidades de goberno, a miña ausencia de coñecementos non é un gran problema. Podo tomar as miñas decisións conforme o que me digan o voo dos gansos, as borras do café, ou as miñas intuicións: cnado me ergo optimista vexo xermolos verdes por todas as partes, e cando me ergo pesimista creo que Europa, e especialmente algúns pedaciños dela, caen a rolos montaña abaixo cada vez a maior velocidade. Porén, todo o mundo sabe que xogar ás apostas leva aparellado un alto nivel de risco, e que saber das cifras verdadeiras nos axuda na decisión de montar unha nova empresa, mercar un coche ou ter fillos. Ao cabo, a nosa felicidade futura depende da calidade da información coa que apontoemos as nosas escollas.

As cifras da débeda para todos os concellos e deputacións de España (2008) foron publicadas polo goberno español en abril. Nesas táboas hai algúns números certamente preocupantes, a pesar de que só recollen a débeda bancaria, é dicir, unha gran cantidade da débeda comercial non entra na conta. Este tipo de cifras non vai influír na nosa escolla de comprarmos un coche novo, pero quizais nos axude a decidir que hai mellores países ca España pra ter fillos. Vexamos algúns deses datos.

Os concellos españois teñen recursos moi limitados. A maior parte deles son pequenas aldeas duns centos de habitantes, dúas rúas e un café que funciona como bar, ferraxería, carnicería e tenda de ultramariños. Non dan servizos e non teñen un custo fóra do de limpar a casa do concello, cando a hai. Pero tampouco os concellos que son vilas maiores e as cidades importantes o teñen doado para conseguir autonomía financeira, e en moitos casos o prezo do servizo nin sequera abonda para pagar o custo da actividade. Esta falta de liquidez forzou os concellos a emprender determinadas actividades nos últimos anos, como o alugueiro do espazo público a través de aparcadoiros e zonas azuis, ou como o incremento da débeda bancaria: os concellos españois (só os concellos) débenlles aos bancos 26.128 millóns de euros.

Á cidade de Madrid hai que botarlle de comer á parte. A Danny DeVito, dunha vez que estivo en Madrid presentando un dos seus filmes, preguntáronlle qué pensaba da cidade. Dixo que Madrid había de ser un sitio marabilloso cando atopasen o tesouro, e que agardaba que desen con el axiña. Referíase á ben coñecida epidemia de obras públicas, un factor importante da marca de Madrid no mundo. O meu home non perde a oportunidade de apoiar o alcalde madrileño cada vez que falamos deste tema: sen investimento non hai gaño, e sen débeda non hai investimento. E, en certa medida, leva razón.

Non sei se os madrileños gastaron eses cartos investindo en candidaturas olímpicas (un negocio ruinoso a nada que se lea algo do que hai que ler sobre o tema), en obras públicas ou en iniciativas de I+D, pero os resultados velaí os están: non hai Xogos, hai taxas de paro estratosféricas agora que o sector da construción afundiu, e dexérgase un duro futuro no horizonte. E montes e moreas de débeda. 6.684 millóns de euros, o 25,6% do total da débeda municipal española e unha débeda por habitante de 2.080 € ao remate de 2008: cada madrileño debería pagar mes e medio do seu soldo para equilibrar o peto do Concello.

Malpocadamente, nunca o pagarán. Cando os bancos digan basta, os cartos non os aboarán os cidadáns madrileños, que son os que votaron un alcalde que se dedica a xogar nas apostas, senón todos os españois. Por que os bancos lle concederon ao Concello de Madrid uns créditos que son de pagamento inasumible para a cidade? Sería interesante saber exactamente cales son eses bancos e se Cajamadrid levou unha parte tallada da torta.

Madrid ten a débeda máis grande, pero non é a única cidade empeñada. No top-10 da débeda municipal atópanse sete cidades do arco mediterráneo: só Madrid, Zaragoza (a organizadora dese delirante desastre que foi a Expo), e Valladolid pertencen a outro eixo económico.

Top10 of council debt in Spain (2008)
Top-10 da débeda municipal en España (2008)

Todas elas son cidades grandes, e Zaragoza e Málaga superan os 1.000 € de débeda por habitante, pero aínda fican a unha grandísima distancia de Madrid. Pero que concello ten a maior débeda de España? Este é o top-10 per capita.

Top10 of council debt per inhabitant in Spain (2008)
Top10 da débeda municipal per capita en España (2008)

Quitando Fuendetodos, a aldeíña onde naceu Goya (o pintor) apostaría que ningún de vós sentira antes falar destes concellos. Só Almensilla ten máis de 300 habitantes (5.438, pra ser exactos). Pero cómo diaños un concello de 32 habitantes (Palo) consegue chegar a unha débeda de 201.000 €? Tamén é sorprendente que todos eses concellos (quitando de novo Almensilla) se achen nesa pequena rexión do nordeste. Necesitaría algunha pista pra sacar esta cuestión fóra da caixa dos expedientes X.

Council debt's map. In red, the top10 in total debt. In blue, the top10 in debt per inhabitant. In yellow, the top10 in debt per inhabitant, with more than 20,000 inhabitants.
Mapa da débeda municipal. En vermello, as cidades do top-10 de débeda absoluta. En azul, o top-10 en débeda per cápita. En amarelo, o top-10 en débeda per cápita de todas as cidades con máis de 20.000 habitantes.

Neste mapa, os puntos amarelos indican os concellos que teñen unha maior débeda per cápita (> 1.149 €), pero que ademais contan con cando menos 20.000 habitantes. tamén neste caso a distribución xeográfica é moi curiosa, e de certo resulta tranquilizador saber que lugares como Benalmádena, Pájara, Calvià ou Sitges están no cumio da débeda municipal española: seguro que investiron en servizos, e seguro que as crises do turismo e da construción non socavan as súas posibilidades de devolverlles os cartos aos bancos.

Vexamos o que pasa no recanto noroeste. Os concellos galegos teñen niveis de débeda moderados se os comparamos cos españois. A Coruña, o concello máis endebedado, está moi lonxe do top español, tanto en números totais como en números relativos.

Top10 of Galician council debt (2008)
Top10 da débeda municipal galega (2008)

Só oito concellos galegos (de 315) teñen débedas per cápita maiores cá media española (566 €). Pero cando imos mirar o top-10 volven aparecer algunhas sorpresas. Que fai aí o pequeno, montañoso e practicamente illado concello de Vilariño de Conso?

Top10 of Galician council debt per inhabitant (2008)
Top10 da débeda municipal galega per cápita (2008)

Estoutro mapa pode achegarnos algunhas pistas. Para confeccionalo engadinlle á débeda municipal a débeda das deputacións, que tamén é moderada no conxunto de España, e que no caso de Lugo chega a ser a segunda con menos débeda de todo o estado, con ’só’ 7 millóns de euros. A Deputación de Ourense ten o maior nivel de débeda per cápita das catro deputacións e a da Coruña o maior con carácter absoluto (98 millóns de euros). Os cidadáns dos concellos en negro padecen o nivel máis alto de débeda, conforme esta suma.

Council Debt map. Black (>€1,000), brown (€500 - €1,000), red (€400-499), dark orange (€300-399), light orange (€200-299), pale yellow (€100-199), white (<€100)
Mapa da débeda municipal por habitante. Negro (>€1,000), marrón (€500 – €1,000), vermello (€400-499), laranxa escuro (€300-399), laranxa claro (€200-299), amarelo (€100-199), branco (<€100). Grazas a oom!.

Os concellos que aparecen máis escuros semellan seguir dous tipos de modelos: dunha banda, algúns territorios costeiros, onde a presión inmobiliaria ten sido máis importante durante os últimos anos, están á cabeza. Non se achegan bos tempos pra eles. Doutra banda, a maior parte dos grandes adebedadores áchanse nas zonas máis pobres de Galicia, onde os concellos non teñen recursos, pero onde tamén os concellos ofrecen poucos servizos, cando ofrecen algún. Podemos chegar a pensar que estes concellos están loitando o indicible pra ofrecerlles aos seus veciños algúns servizos, e que teñen que incorrer en grandes esforzos de débeda pra conseguilo. Pero tamén podemos ser peor pensados e crer que están a guindar cos cartos ao mar (ou a un cavorco), sobre todo se temos en conta o completo descontrol da eficacia no gasto.

Independentemente da verdadeira razón ou razóns que expliquen as taxas de débeda que reflecte o mapa, o que dende logo amosa é que ou este sistema de financiamento non é sustentable ou o procedemento de auditoría dos gastos municipais é un completo fracaso. Ou as dúas cousas. Os gobernos galego e español, así como os concellos, teñen que poñerse a mudar isto. E estamos no mellor momento: tempo de crise, tempo de oportunidades. Porque a mala xestión nun concello amola os seus veciños e votantes, pero a bancarrota dun concello amólanos a todos e todas.

Versión en inglés-wannabe.