linguas na escola

by xabier

As bases do decreto sobre o uso das linguas no sistema educativo galego publicáronse cando estaba de vacacións en Noruega, afortunada e completamente desconectado. De volta á casa atopei na miña caixa de correo electrónico unha cantidade record de mensaxes: aqueles totalmente opostos ao decreto eran máis incluso ca aqueles que me daban consello cos créditos, coa erección do meu pene ou cos meus problemas dentais, e tamén máis cós que me desexaban un feliz 2010. Porén, o decreto non é tan malo como se agardaba aínda que está lonxe de ser perfecto, e estende un tépedo horizonte de oportunidades prá lingua galega. A estratexia de oposición frontal axitada polos grupos pro-galego é moi conservadora, improdutiva e (témome) unha perda de tempo moi valioso.

Neste post comentarei algúns dos puntos máis salientables das bases do decreto. Ao cabo, analizarei a estratexia que se debe seguir nos anos vindeiros e criticarei a reacción actual.

Ao primeiro, teño que dar dúas explicacións. Unha, que eu son liberal e que pra min todos os avances en liberdades son pasos positivos. Tamén me teño por un defensor da lingua galega. A outra fai relación á lingua, e non está de máis lembrar que ata o de agora o ensino en Galicia se fixo maioritariamente en español. Para moitas xeracións que medraron en contornos galegofalantes, a escola foi unha institución só-en-castelán, onde o galego estaba prohibido e a miúdo castigado fisicamente. Porén, durante os últimos anos o galego foi gañando terreo timidamente e de vagar: mesmo se a presenza do castelán nas escolas é aínda agora maior e máis poderosa cá do galego, nalgunhas áreas predominantemente español-falantes, como as principais cidades, a escola é a única ligazón entre a mocidade e a lingua. Esta ligazón non é obviamente abondo sólida, e por esa razón importantes grupos de mozos e mozas non son quen de falar nin de escribir en galego ao remate dos seus anos escolares (algo que non acontece co castelán, como teñen demostrado diversos informes).

Quen pode escoller a lingua do ensino?

O sistema educativo español e galego está moi controlado polo estado, e distintas leis determinan os contidos, os horarios, as relixións (unha, na práctica) e as linguas dun xeito moi estrito: as escolas teñen unha pequenísima marxe pra ofertar opcións diferenciadas. Deixando á parte os atallos galegos pra choutar por riba da lei (como censar os nenos en garaxes ou no piso dos avós), os pais non poden elixir entre distintas escolas públicas (que se asignan conforme á distancia xeográfica) e os centros privados están máis vencellados a ensino relixioso e a diferenzas de clase do que a diferenzas reais en termos de calidade. Non existe a competencia entre os centros públicos nin entre os privados concertados (que xuntan o 97-98% dos estudantes ata ESO), e, xa que logo, os sistemas de controis de calidade son descoñecidos ou unha mera rotina sen consecuencias.

Neste contexto, un lobby de dereita e extrema dereita presionou o actual goberno galego pra que reducise a presenza do galego nas escolas e, en concreto, pra que aos pais aos que non lles gusta o galego lles dese a oportunidade de enviar os seus pícaros a escolas sen contidos en galego. Este lobby enarborou a invencible bandeira da liberdade, anque ao mesmo tempo pedisen un maior control dos contidos escolares por parte do estado central ou un maior autoritarismo dentro das aulas. De feito, estas xentes non procuran liberdade, senón privilexios, e estes dous conceptos son de certo opostos un do outro.

As bases publicadas atópanse, porén, moi lonxe da posición deste lobby: un mínimo dun terzo das asignaturas totais debe impartirse en galego e outro terzo en español, e un máximo dun terzo debe impartirse en linguas estranxeiras, mormente en inglés. Como este último terzo é inacadable (falarei disto logo) o galego e o castelán acabarán por gañar terreo a expensas do inglés. Por poñer un exemplo, o peor escenario para o galego no ensino primario é tres de nove asignaturas, e o mellor é cinco de nove (é dicir, entre un 33% e un 55%); e iso contando con que o peor dos escenarios ocorrerá só no improbábel caso de que tres asignaturas se impartan en inglés. Estas porcentaxes tamén as examinarei máis adiante con detalle.

Ata o de agora, a decisión de que os contidos se impartisen nunha lingua ou noutra tocáballe ao ou á profesora, que predominantemente escollía español. Certamente o ordenamento anterior establecía que un mínimo de asignaturas se impartise en galego, pero moi a miúdo non se cumpría a lei, e as inspeccións pra obrigar a colexios e docentes a que cumprisen a lei non eran en absoluto estritos.

Conforme as bases do novo decreto, a decisión sobre a lingua na que se deben impartir as asignaturas tomarana os consellos escolares (non os pais), cando menos para os niveis entre os 6 e os 18 anos, e tamén prá formación profesional, as ensinanzas artísticas e deportivas e o ensino de adultos. Nos consellos escolares están representados profesores, pais e nais, estudantes e persoal administrativo e de servizos, pero son os e as profesoras os que o controlan, pois teñen garantidos a maior parte das cadeiras. De por parte, as eleccións aos consellos escolares son ben coñecidas polo seu baixo nivel de implicación: non me foi posible dar con datos recentes e rigorosos de participación, pero creo que é optimista pensar en niveis que superen o 15% tanto entre estudantes como entre pais e nais.

A marxe de decisión prós pais, nestes niveis educativos, permitiralles unicamente escoller qué asignaturas prefiren que sexan impartidas en galego e en español (e só nalgúns casos), pero non a suma total de asignaturas impartidas en cada lingua. Incluso neste caso as decisións serán sempre colectivas, e non individuais: se a maioría dos pais nunha escola din que Matemáticas sexa en castelán e que Coñecemento do Medio sexa en galego (como é de agardar), eu non podería mandar a miña filla a mates en galego e a coñecemento do medio en español (anque esa escolla sexa tanta parvada como a contraria, vaia). Ademais, esta escolla vaise facer só cada catro anos, polo que é posible que algúns pais nunca cheguen a votar (os de ESO ou Bacharelato) ou que as súas decisións afecten os nenos dos outros e non os seus.

E que mudará? Se estas bases chegan a converterse no texto do decreto, non haberá mudanzas importantes polo que respecta ás posibilidades de escolla: os e as profesoras son os que decidirán ao cabo, e pequenos grupos de pais e nais ben organizados poderán manexar a escolla da maioría naquelas poucas oportunidades que estes teñen pra elixir. A min gustaríame máis un sistema onde os pais e as nais, pero sobre todo onde os rapaces e as rapazas, puidesen escoller a escola á que acoden, e onde as escolas se esforzasen pra ofrecer mellores programas, pra crearen novas asignaturas, pra incluíren novas linguas, pra ofreceren novos servizos ou pra desenvolver novos sistemas de avaliación non baseados en exames, co obxectivo de acadar unha mellor educación pra todos. Magoadamente os meus soños áchanse lonxe da situación actual, e tamén lonxe das normas que deseña este documento.

E que pasa cos máis pequechos?

Isto é, na miña opinión, o peor do documento. Nesta etapa educativa, aos e ás rapazas aprenderanlles na lingua dominante do contorno ou, cando menos, na lingua que a maioría dos pais declara como dominante nas súas familias. Xa que logo, as escolas non actuarán como elemento compensatorio do coñecemento lingüístico do ou da pequecha, aprendéndolles en castelán aos galegofalantes e en galego aos castelanfalantes, senón que incrementarán a fenda existente entre áreas e falantes.

Con todo, o documento tamén sinala que a outra lingua debe ser promovida, e que o efectivo coñecemento dos dous idiomas debe garantirse ao remate desta etapa educativa. Que mudará, pois? Talvez nada. Nas áreas urbanas, onde cumpría arrimarlle todo o lume á cociña pra promover o galego, o galego será inexistente (tal e como xa sucede agora), e nas áreas rurais o feito de garantir un coñecemento efectivo de español será unha coartada pra promover esta lingua naquelas circunstancias en que os e as profesoras queiran facelo.

Inglés? Como?

O presunto compromiso do actual goberno galego a prol do ensino en inglés quedou en auga de castañas. Non se establecen asignaturas que deban impartirse en inglés, senón un máximo delas (un terzo do total), e polo tanto a imperiosa difusión do inglés correrá a cargo de voluntarios profesores e profesoras (se corre). Neste documento non se fixan normas, nin porcentaxes, nin pasos pra acadar unha implementación progresiva do ensino en inglés. Porén, cómpre tomar unha decisión firme e coraxuda neste aspecto, polo que este bosquexo de decreto é unha oportunidade perdida pra non deixar liscar demasiada vantaxe competitiva con respecto a outras culturas e sociedades.

Esa falta de concreción tamén está preocupantemente presente noutros parágrafos do documento, como cando se regula o emprego de linguas en usos non docentes: dise que debe promoverse o galego neste aspecto, pero que os mestres tamén terán os seus “dereitos”. É relevante sinalar que estes incertos e difusos dereitos se lles recoñecen aos mestres e ás mestras, pero non ao persoal administrativo e de servizos, co que se crean dúas clases distintas de traballadores conforme os seus dereitos.

Porcentaxes

Estas son as porcentaxes que sinala o avance do decreto:

Porcentaxes establecidas polo bosquexo do decreto.

Porcentaxes establecidas polo bosquexo do decreto. (*) Como ficou dito, a porcentaxe de galego na educación infantil dependerá exclusivamente da lingua familiar: xa que logo, non é exactamente unha opinión, senón un feito. Ao mesmo tempo, algúns contidos serán impartidos en galego ou en español, pero as bases do decreto non establecen unha porcentaxe fixa pra eles.

Accións positivas

As bases recollen poucas actuacións positivas, pero algunhas hai. A máis importante é o establecemento dun control de calidade independente e anual que pretende determinar se os rapaces e as rapazas son de feito quen de comunicárense en ambas as dúas linguas. Isto inclúe, e é crucial, os máis pícaros, que na actualidade están chegando ao ensino primario sen ser capaces de falaren o galego.

Porén, nada se di sobre o xeito de efectivizar este control de calidade, nin sobre qué amplitude pode ter o espectro de medidas que se tomen pra corrixir as tendencias diverxentes do obxectivo de competencia. Ademais, para un goberno que non foi quen en tres décadas de garantir o cumprimento da lei polo que respecta ao mínimo de horarios pra cada lingua, semella unha tarefa difícil avaliar o resultado do coñecemento lingüístico e corrixir os problemas que aparezan.

As últimas cousiñas de Colombo

  • Por que un estudante que vén da China, dos Países Baixos ou do Brasil pode estar exento de cualificación en galego (non da asistencia ás clases) durante tres anos, pero non pode estalo de español? Non hai opcións prá liberdade neste caso?
  • Cales serán os dereitos dos nenos e das nenas que teñan o chinés, o portugués, o romanés ou o árabe como linguas maternas? Pensa o goberno galego neles e nelas?

Que se pode facer?

Que podemos facer os defensores do galego a curto prazo e a medio e longo prazo? Dado que este documento é aínda un bosquexo, quizais se poidan mudar algús aspectos durante a negociación con outros partidos, cos sindicatos e cos grupos sociais. Porén, está pra alén de calquera esperanza que a porcentaxe mínima de ensino en galego se eleve. Daquela, e tendo en conta que o modelo de porcentaxes vai estar en vigor cando menos durante catro anos máis, e que as mudanzas nas porcentaxes non poden ser significativas, qué pode acadarse nun proceso negociador? Coido que hai tres flancos moi importantes que son accesibles: o primeiro lugar, a situación nas escolas prós máis miúdos, particularmente naqueles casos en que as porcentaxes de falantes de español e de galego sexan próximas ou parellas (que porcentaxe se considerará dominante? o 51%?). En segundo lugar, o sistema de distribución de asignaturas baixo responsabilidade do consello escolar, que aínda non se define nestas bases. E en terceiro lugar, as accións que se van tomar pra controlar de xeito efectivo que os rapaces e as rapazas poidan comunicarse en galego.

A outra opción é non negociar. Se consideramos que todo nestas bases é chungo, o mellor é autoinmolarse nas prazas das cidades ao xeito bonzo, a pesar do cambio climático. Algunhas variantes deste método de incineración inclúen o boicot, as folgas e semellantes. Teño dúas razóns pra defender unha negociación firme e moderada, no canto dunha campaña bélica. Dunha banda, que prá maioría da poboación, sexa silenciosa ou non, non é un tema tan importante rebaixar a presenza do galego no ensino dun irreal e actual 50% a un 33%. Tamén podemos mentir, e afirmar que este decreto vai acabar coa lingua galega nun plisplás, pero píllase antes a un mentireiro ca a un tolleito. Da outra banda, porque os activistas a prol do galego temos dúas batallas importantes pró futuro, e pra elas, o feito de despregarmos unha oposición visceral neste momento vai ser probabemente máis un hándicap do que unha axuda.

Estes dous futuros campos de batalla son os pais e os consellos escolares. Os pais e as nais non son aínda un elemento importante (posto que só poden condicionar ata un 22% do reparto de asignaturas, pero non o total destas), pero serán, a canda os estudantes, cada vez máis e máis relevantes na toma desta caste de decisións. Despois de trinta anos de activismo lingüístico en democracia, as opinións que os pais e as nais expresaron hais uns meses foron extremadamente desilusionantes. Se os nosos esforzos non se dirixen a este sector crucial, de pouco vai importar que o 33%, o 50% ou o 65% das asignaturas se impartan en galego. E pra gañar eses pais e esas nais a prol do galego cómpren tácticas máis sólidas cás folgas.

O outro campo de batalla serán os consellos escolares. Neles son de novo importantes pais e estudantes, pero os profesores e as profesoras gardan a chave das noces cos seus votos. Ata o de agora, os mestres e as mestras foron os motores da galeguización das escolas (as pouquísimas clases en galego que tiven no instituto fórono grazas á decisión voluntaria das miñas profesoras), pero tamén o sector máis refractario. Van conservar ese seu poder. Teremos que achegarnos aos elementos máis tépedos (os que non están contra o galego pero tampouco son defensores del) e convencelos da importancia da presenza do galego nas escolas. E teño pra min que unha política forte baseada en boicots, folgas e manifestacións non vai ser a mellor ponte que poidamos tenderlles.

Versión en inglés-wannabe.