escoiten!

by xabier

O posicionamento público da Real Academia Galega sobre as bases do Decreto de plurilingüismo é un documento valiosísimo. A pesar de conter algúns erros de vulto e valoracións un tanto extravagantes, é, sen dúbida ningunha, a máis completa e máis sensata análise feita ata o de agora. É tamén un claro e contundente paso a prol do consenso, un consenso ao que teñen que chegar todas as partes: os que xa comezaron e os que de momento están atrincheirados no seu tobo, reloucando de ledicia pola brillantez das palabras da máis alta institución galega (non só galegofalante). Eu dígolles: tirios e troiáns, escoiten, escoiten a Academia.

Gustaríame, con todo, facer un par de puntualizacións ao documento: a primeira ten que ver coas referencias legais e a segunda co inglés.

Académicos: sobran poetas e faltan xuíces

O maior erro desta declaración é un traspé legal tan básico que resulta dunha inxenuidade case avergoñante. Afeitos como estamos a arrebolarnos constitucionalidades á hora do café, podería non parecer demasiado grave, mais éo. Afellas, o Constitucional recoñeceu que non existía tal cousa como un dereito dos pais e das nais a escolleren a lingua da docencia dos seus fillos. Pero cómpre lembrar que o tribunal se pronunciou sobre a “inconstitucionalidade” de non permitir ese “dereito”, e non sobre a constitucionalidade de permitilo. É dicir, unha cousa é que sexa constitucional o dereito á folga, e outra ben distinta que sexa inconstitucional non exercer o dereito á folga. É dicir, conforme a sentenza non se pode invocar a Constitución pra que un rapaz sexa aprendido nunha lingua, pero non se deriva dela que se poida invocar a Carta Magna pra prohibir esa opción. De por parte, e como xa dixen, no sistema educativo galego os pais teñen xa neste momento unha certa capacidade, ben que limitada, pra facer escollas, e que elixan electrónica ou francés non se revelou ata o de agora inconstitucional.

Esa terxiversación legal prosegue ata o punto de a Academia sinalar que a consulta aos pais non é ou non foi legal (quizais acolléndose á lexislación antiibarretxe) ou de poñer en boca do Constitucional propostas que nunca saíron dela: por exemplo, o TC non sinala ningunha dirección a seguir en termos de porcentaxes de reparto lingüístico, pois cando afirma que é lexítimo que o catalán sexa o centro de gravidade do ensino, non quere dicir que o oposto non sexa tamén igualmente e constitucionalmente lexítimo.

Inglés, lingua proletaria do meu pobo

Antes de falar do inglés, debo xustificarme: estudei francés dende o principio ata o remate do meu periplo educativo. Apenas me defrontei ao inglés na miña idade adulta e, como se pode comprobar, con pouco éxito. Non defendo o papel desa lingua por ser ou sentirme escocés; o meu zoupón inglés non dá pra moitas fachendas. Deféndoo porque quero unha sociedade galega mellor e máis competitiva, e porque non hai nada máis ermo có ludismo no que se ten sumido o pensamento falsamente galeguista nestas escuras semanas. A Academia, con precisión e sinxeleza, desmonta nesta declaración moitas das falacias deste ludismo.

A ninguén habería que explicarlle que o ensino en inglés capacita as novas xeracións pra competir en contornos internacionais. Nesas circunstancias sociais e individuais, e iso si hai que lembralo, o español é igual de accesorio cós millóns de habitantes máis pobres de Arizona (ou de Angola, chegado o caso). Pero é que situar o inglés como a equivalencia lingüística do carné de manipulador de alimentos é desvalorizar as cousas realmente importantes da vida: unha rapaza que entre neste momento no ensino falecerá por volta do século XXII despois de viaxar pola India, despois de casar cunha rapazota norueguesa e despois de ver centos de produtos audiovisuais e ler milleiros de libros (ou descendentes tecnolóxicos) en lingua inglesa e escritos por bolivianos, tailandesas e nixerianas.

Entre os luditas están os que insinúan que o inglés non vai ser necesario pra un panadeiro de Agolada (condeado a unha cadea perpetua de Chenoa e Fuxan os Ventos), e os que poñen a Gana como exemplo dun estado con lingua oficial inglesa e-así-lles-vai. Tamén os hai que atacan a predominancia do inglés por un plurilingüismo “ben entendido”, e reivindican a presenza do francés ou do portugués, linguas románicas que son, dispensando, galego mal falado: viva o plurilinguismo, claro, pero viva o húngaro, viva o árabe, e viva o uolof tamén no noso ensino. Mais sobre todo están os que, máis ou menos crentes na relixión da sospeita total, ven no potenciamento do inglés unha arma segreda pra acabar co galego. Porén, baixados ao chao da realidade do noso ensino, onde o castelán é a lingua en que se imparten a maior parte dos contidos, o inglés retiraríalle de feito espazo escolar ao castelán, e non ao galego. Unha vez máis, os números lévanse mal coa conspiranoia e cos prexuízos.

Con todo, no soporte a esta cuestión (mellor dito, nunha parte do soporte a esta cuestión), a Academia deixa escapar un razoamento perigoso. Perigoso porque, no fondo, é o mesmo argumento de Galicia Bilingüe e adláteres: o de que non pode estar o inglés ao nivel das linguas oficiais. E lo? Porque se o que se trata no ensino é de asegurar competencias, se o que queremos é que os nosos rapaces e rapazas aprendan tan ben o galego coma o castelán, e tan ben o inglés coma os nenos portugueses, ¿que nos importa cal é a lingua oficial? Foi precisamente un sistema baseado nos poderes simbólicos e nas oficialidades, no a-ver-quen-ten-a-pirola-máis-grande, o que nos levou a este absurdo conflito. Toda a argumentación da Academia está impolutamente baseada na garantía da competencia. É esa garantía a que pode e debe torcer a balanza a prol de máis horas de galego. Se o carácter de oficialidade sostén o noso ensino, entón só é viable un acordo en pé de igualdade aritmética: o que propuña o anterior decreto e o que segue sostendo este, 5% arriba 5% abaixo.

Extravagantes son, finalmente, as chamadas á defensa do profesorado como garante da pax linguistica nos centros, ou o recoñecemento do “afectuoso” papel destes e destas no sostemento do galego. Non, sexamos sinceros: anque grandes e humildes nomes de profesores e profesoras teñen sostido o galego voluntariosamente no ensino, e anque nunca teremos abondas palabras de recoñecemento pra eles, non é menos certo que o culpable de que despois de trinta anos non se cumprisen os sucesivos decretos do ensino é, precisamente, o profesorado.

Mais quedemos cunha frase: “máis urxente cá aprobación destas Bases é realizar xestos que rebaixen a tensión e que chamen ao consenso“. Abofé. E eu engadiría: “máis urxente cá erosión do goberno Feijoo ou o aproveitamento partidario, sindical ou persoal do combate lingüístico,  é realizar xestos que rebaixen a tensión e que chamen ao consenso”. Poñámonos ao carro dos galegos e das galegas.