fai como que innovas, e eu farei como que subvenciono innovación

by xabier

Hai moitísimo tempo que teño este blog botado a monte, e vai sendo hora xa de rozar. Durante estes últimos meses a situación económica de España —e inclúo a Galicia— agravouse, e aínda que non se lle faga caso a agoiros como os do case sempre atinado emprendedor Marc Vidal, é evidente que unha escura sombra se está espallando sen remisión por toda España, frustrando e poñendo medo nos corpos duns cidadáns ata o de agora confiados e, ata certo punto, inxenuos. Unha das espranzas máis recorridas como saída a esta magoante situación é o estímulo das TIC. E o documento estratéxico da Xunta neste campo está a piques de publicarse.

documento (6 Mb) mandáronllelo a distintas entidades TIC como parte dun proceso de consulta que ten que resolverse en menos dunha semana. Eis as miñas reaccións máis inmediatas ante o documento estratéxico da innovación TIC en Galicia.

Empecemos pola parte positiva. As primeiras páxinas do documento analizan por que fracasaron en Galicia as anteriores políticas de promoción da innovación TIC. E paréceme moi saudable que un documento político recoñeza que moitas veces o obxectivo das empresas é a subvención dos proxectos de inovación, e non os proxectos innovadores en si. Unhas empresas con recursos limitados nun mercado pequeno tentan acceder a subvencións como unha fonte de financiamento, pero sen procurar solucións reais e innovadoras. As liñas de subvención preceden o interese das empresas, e iso é loxicamente un erro. Pero esta honesta análise inicial non remata o traballo: non se recolle unha avaliación económica dos plans estratéxicos anteriores —fracasaron? canto produciron e canto deixaron de producir?—. Non hai un só número no documento, fóra dos números de páxina, e aínda peor, tampouco se propón unha mudanza de políticas: en troques, as actuacións que se están poñendo en práctica neste 2010, e das que se afirma que son unha consecuencia deste plan estratéxico que aínda está pendente de publicación, son as mesmas que, paradoxalmente, se recoñecen neste documento como erróneas.

A chave, con todo, está a un nivel máis básico: as empresas galegas, e en particular, as empresas TIC galegas, mesmo se son capaces de chegar a grandes ideas sobre novos mercados ou novos produtos, non innovan —ou fano moi discretamente— simplemente porque o seu tamaño non as deixa. Son en xeral demasiado pequenas. As empresas grandes que están a facer innovación de verdade poucas veces requiren financiamento público: o mercado recompensará os seus riscos. Certo é que o empréstito procedente de fontes privadas está neste momento bloqueado polo lastre hipotecario: pero daquela o problema non é a innovación, senón a banca e cómo os gobernos poden substituír as funcións da banca dunha forma efectiva. Pero nun contorno de pequenas empresas e de microempresas, os gobernos crense na obriga de facer algo de innovación, e o que escollen é o camiño máis sinxelo: a subvención. Estas pequenas empresas galegas desvívense para conseguir ese carto fácil que fornece a administración, pero non son grandes abondo para usar esa innovación para alén da propia subvención: fan coma quen que innovan só para conseguir a subvención, e non ao revés.

O interese do goberno tampouco está no proceso innovador das empresas privadas. Está máis ben no seu propio aproveitamento das ferramentas TIC que as empresas desenvolven para a administración pública —obxectivo que ocupa a parte máis importante deste documento— e o control burocrático do procedemento de subvención. O medo á fraude —ben entendible tendo en conta a incrible proporción de fraude na economía española— levou a unha ilimitada espiral de requirimentos e xustificacións, a miúdo inxustos e arbitrarios, e que ademais son ineficaces: facturas falsas e declaracións pouco verdadeiras sobre cantidades, prazos e resultados comerciais son o pan de cada día nas empresas, o que á súa vez provoca unha nova volta de torniqueta da ineficaz e inxusta burocracia administrativa, e a así sucesivamente.

O triste é que neste documento non se dexerga ningún propósito de emenda. A inercia administrativa por subvencionar e controlar é máis poderosa cá diagnose dos fracasos das estratexias anteriores. Insiste o plan estratéxico en colocar a subvención coma o factor que determina a innovación e non en responder as necesidades das empresas, se é que teñen algunha. Por exemplo, un deses sectores innovadores subvencionables é o rastrexo do transporte de mercadorías por mar: cantas compañías galegas estarán neste momento innovando nese sector para consideralo estratéxico? Tamén confirma o documento que se continuará coa creación de entidades de debate onde se reúnan asociacións representativas e institucións. Esta política de “consellización” non é moi cara, pero medra expoñencialmente e non se traduce en resultados nin na mellora dunha participación aberta e real. Pero aínda máis importante, a estratexia que se define neste documento non suxire ningunha mudanza na evaluación e monitorización das políticas: o documento de 2011 terá os mesmos números có de 2010. Ou sexa, ningún. E sen números non é posible determinar a efectividade dun determinado conxunto de políticas.

Engádegas

  • O documento recolle entre os seus obxectivos a redución dos produtos e servizos que se crean pra que non os use ninguén, ou moi pouca xente. Porén, nada indica como se vai conseguir tan loable obxectivo, fóra dun incremento do control burocrático. Mais como xa vimos, nun contorno normal as empresas só innovarán se poden obter beneficio dese produto ou dese servizo no mercado. A tarefa do goberno é axudar a conseguir ese contorno normal, non crear un novo completamente artificial.
  • O documento afirma que a “Xunta de Galicia é o goberno máis innovador de España”. Se ben todo o documento se caracteriza pola ausencia de cifras, nada me pracería máis que coñecer os datos que sosteñen semellante declaración.
  • Metapolitiquear. A maior parte do documento é un destrago onde se fala de como facer actuacións que supoñan a realización doutras actuacións. Estas formas de redactar documentos poden provocar un colapso astronómico, mais non engaden nin pouco nin moito. A consolidación de liñas políticas non é unha política en si mesma, a non ser que esa proposta de consolidación se acompañe dunha lista de actuacións e de custos, que obviamente non existe.
  • Lingua. O documento está escrito en dous idiomas asemade: a maior parte del é unha tradución automática do castelán ao galego sen que o resultado fose revisado por humanos. O texto é por veces inintelixible. Con todo, varias frases e palabras conseguiron escapar da tradución e consérvanse en español incrustadas polo medio dos parágrafos. En resumo, este documento non se produciu cun mínimo estándar de profesionalidade.

Por favor, comenta no idioma que queiras, pero na versión en inglés wannabe.