Zapatero, 39 grandes empresas, e algunhas frikistatísticas

by xabier

Zapatero, o presidente español, está en apuros. Na véspera dos peores resultados do seu partido na historia de Cataluña, o ruxerruxe dun posible rescate económico de España medra. Nese intre, dous anos longos des que comezara a crise financeira, acordoulle reunirse cun grupo dos máis importantes directivos de empresas de España: o obxectivo de tal xuntanza nin foi público nin estivo claro, pero aparentemente tiña que ver dalgún xeito con confianza (se ben non é seguro en que dirección tiña que fluír esa confianza). Non tento predicir resultados desa xuntanza, nin tampouco das eleccións catalás, e inda menos da crise financeira. Só lle vou botar un ollo a algunhas estatísticas rarunas nesa lista de empresas e directivos.

Afogado polos números

A lista de directivos foi medrando conforme os días. Os primeiros 30 elixidos axiña foron 35 e ao cabo 39. Que razón había detrás de semellante souflé? Ata onde eu chego, o motivo quedou sen explicar grazas aos independentes e incisivos medios de comunicación españois.

Nalgures pódese ler que determinados sectores económicos minoritarios reclamaran un posto na mesa presidencial. Pero, como veremos, esa é a única razón que non é verdadeira. Deses nove novos convidados, ningún representa un sector que poidamos considerar novo. Só Agbar, a empresa de augas de Barcelona, é lixeiramente distinta dos seus predecesores, mesmo se algunhas empresas enerxéticas ou da construción non están aló moi lonxe dos eidos nos que labra Agbar. Un banco (que aumenta a nómina anterior de 5 a 6), unha compañía do sector da comunicación (de 1 a 2), ou un par de firmas turísticas (de 1 a 3) son bos exemplos deste non-motivo.

Outra posible explicación podería ser o nesgo masculinizante da lista inicial, se á totalidade se lle pode chamar nesgo. Engadíronselle á lista dúas mulleres na última semana: Petra Mateos, unha empresaria moi próxima ao PSOE que medrou economicamente á sombra de diferentes administracións socialistas, e mais Carmen Riu, a propietaria hoteleira, se ben non queda moi certo se Zapatero chamara inicialmente por ela ou polo seu irmán varón para que acudise á xuntanza. Esta inicial falta de mulleres pode ser considerada o último cravo no cadaleito da antiga paridade home-muller pola que avogara Zapatero, ou xustificarse frouxamente en que en España non hai moitas mulleres que estean ao leme de grandes empresas.

Pero aínda hai outras hipóteses posibles para os novos nomes.

Orixe

Un dos cálculos máis sorprendentes que se poden facer sobre esta lista de empresas é o que se corresponde coa súa distribución xeográfica. 19 delas, o 63%, teñen a súa sede en Madrid, se ben esta rexión española é a terceira en poboación (14%) e só a segunda en PIB (18%). Comparémolas con Cataluña: o 16% da poboación española (a segunda) e o 19% do PIB (a primeira), pero só tres empresas na primeira das listas (o 10%). Noutras palabras, Madrid está representado seis veces máis ca Cataluña, se ben ten lixeiramente menos poboación e menos riqueza. Con todo, Cataluña tampouco é a única rexión castigada na primeira das listas. Andalucía, onde os socialistas levan no poder dende a chegada da democracia, non tiña ningunha empresa incluída no catálogo de Zapatero: é porén a máis poboada (o 18% dos españois viven nela) e é a terceira en PIB (o 14%)

Así que coas eleccións catalás ao domingo, a lista de convidados da véspera tiña que mudarse un algo: desas nove empresas convidadas de última hora, catro tiñan a súa sede en Cataluña, e unha en Andalucía. Dúas máis viñan das Baleares e dúas máis de Madrid (unha delas, como dixemos, “a” muller). No gráfico, as figuras vermellas son os 30 primeiros convidados e as rosas as nove engadidas a posteriori. As diferentes formas correspóndense co tamaño das cidades onde se sitúan as empresas (estrelas, menos de 50.000 habitantes; os círculos, menos de 250.000; e os cadrados, por riba desa cifra).

As 39 empresas escollidas por Zapatero

The 39 companies selected by Zapatero

Pero pode sinalarse que as grandes empresas adoitan a localizarse nas capitais dos países. Mesmo se iso non é sempre verdadeiro (e, en calquera caso, nunca unfeito inocente senón a consecuencia dunha planificación consciente), asumamos que existe quizais esa tendencia. Podemos fixarnos no lugar de nacemento dos directivos para comprobar se esa ligazón inicial que faciamos ten continuidade. Coma antes, o verde mazá correspóndese cos integrantes da primeira lista, mentres que as figuras en verde claro son os recén chegados. As formas manteñen o seu significado do gráfico anterior.

os 39 directivos escollidos por Zapatero

The 39 CEOs selected by Zapatero

Dos da primeira lista, nove naceran en Madrid, case un terzo dos convidados. A ausencia de cataláns volve a ser sorprendente, á igual cá de andaluces. existe, non fai falla xa que o diga, un importantísimo factor aleatorio no lugar de nacemento de calquera, e de feito algúns dos convidados naceron en vilas e aldeas, e nalgúns casos de menos dun milleiro de habitantes. Pero se contemplamos estes datos dende unha perspectiva histórica, podería haber un certo grao de significación: os mozos das provincias chegaron nos cincuenta, sesenta e setenta ás cidades para gañar o carto (e algúns deles, como ben vemos, conseguírono). Pero que nos di este mapa daquela histórica burguesía catalá, e qué da moito máis silenciosa burguesía madrileña. O factor de corrección achegado polos convidados do último minuto é tamén bastante clara: falando con algo de demagoxia, cinco deses nove recén chegados falan catalán.

Idade de gañadores

Dubido que os nomes desta lista vaian ter efecto ningún nos resultados das eleccións catalás, pero cando menos ten algunha relación con como Madrid é un centro de poder ben por riba do seu nivel de riqueza, e de como ese centro non ten ollos para o que pasa fóra de si mesmo cando chega a hora de arrexuntar os restos da economía española, malia o suposto cosmopolitismo e apertura das súas xentes e empresas.

Mais querería facer un comentario final sobre a idade deses directivos  (só 37, porque non fun quen de dar coa idade de Petra Mateos e Santiago Seage — por favor, axuda). Dunha banda, é de agardar que ninguén vai chegar a dirixir unha grande empresa ao acabar o bacharelato, non sendo que ese ninguén teña un garaxe baleiro en Silicon Valley, pero por outra banda é evidente tamén que a clase empresaria en España é vella abondo (62 anos de media). Desgrazadamente, a idade non é un factor casual cando hai que poñerse nunha mesa a falar de innovación, de risco, e de novas ideas pra saír aboiando dun período de crise. Hai máis xente na lista de convidados máis vella de 75 ca máis nova de 50. E preocupantemente, o grupo maior de directivos é ese que se atopa entre os 60 e os 65 anos de idade. Que opinión terán estes sobre a idade de xubilación, un tema de conversa tan importante nestes nosos días?

Idade dos directivos convidados

Age of the CEOs invited

Por favor, comenta no idioma que queiras, pero na versión en inglés wannabe.