Tres retrincos das eleccións catalás

by xabier

Xa haberá agora unha chispa de análises políticas sobre as Eleccións catalás, e sobre como os seus resultados acabarán afectando a vida política de Cataluña, España e mesmo Europa nos vindeiros meses. Non son un analista político, e vouvos aforrar o traballo de subliñar a impresionante vitoria de CiU ou de reclamar as cabezas de Montilla e de Puigcercós, líderes dos derrotados PSCERC. Só me gustaría sinalar tres aspectos marxinais dos resultados: as posibilidades dunha modificación na asignación de escanos, a inxustiza desa asignación; e ao cabo a consecuencia máis magoante desta noite electoral: o resultado extraordinario dun novo partido de ultradereita.

As cadeiras musicais

A distribución de escanos aínda non é a definitiva. Na circunscrición de Barcelona, os últimos escanos foron designados asignados por unha marxe moi estreita. E aínda teñen que chegar uns cantos votos dos cataláns que están na emigración. E probable que haxa quen quizais saiba xa cantos votos se recibiron dende o estranxeiro, pero non é público aínda (non dixen nunca antes que cómpre unha maior transparencia?). Baseado nos números das anteriores eleccións, debemos agardar uns 20.595 votos do exterior para a circunscrición de Barcelona. O último escano en repartirse levouno Solidaritat, o grupo pro-independencia do antigo presidente do Barça Joan Laporta. Este partido ten dous problemas: o primeiro é que só obtivo o 3,095% dos votos, i.e., só 0,095% por riba do limiar requirido para obter escano. Noutras palabras, se Solidaritat baixase dese 3% en Barcelona, quedaría só co escano de Girona. Porén, iso non vai suceder: terían que chegar do exterior 74.851 novas papeletas, terían que ser todas elas válidas (en branco válennos, nulas non), e ningunha delas tería que ser un voto para Solidaritat. E como os votos da emigración non se van triplicar espontaneamente en 2010, pasemos entón a ver como de posible é que se produza unha mudanza no reparto.

Só hai dous partidos que poden levar o escano de Solidaritat: CiU e o PSC. Para os socialistas, sería un reto pra alén das súas posibilidades. Terían que recibir o 54% das papeletas do exterior e que Solidaritat non recibise ningunha. Difícil de crer, sobre todo se temos en conta que iso significaría que dobrase o PSC o número de votos recibido en 2006. Para a federación nacionalista CiU, a tarefa tampouco será sinxela. Cómprenlle 6.912 votos sempre que Solidaritat non leve ningún, e 36 votos máis por cada un que reciba Solidaritat. Noutras palabras, con que Solidaritat conseguise obter 60 votos na emigración, CiU necesitaría 9.000 votos na circunscrición de Barcelona, cando en 2006 apañou 6.815 no conxunto de Cataluña.

Unha muller, un voto

Van agora aquí catro simulacións. A primeira é a verdadeira: regra D’Hont + circunscricións de tamaño diferente. A segunda mantén o reparto D’Hont pero considera unha circunscrición única. A terceira é completamente proporcional. A cuarta é completamente proporcional, pero deixa catro asentos baleiros para a proporción de votos en branco. Esta última opción ten a súa trampa tamén, pois ao mesmo tempo que recoñece a cantidade de votantes que quixeron escoller, pero non ningún deputado, ponlle as cousas máis doadas aos grandes partidos teren unha maioría de control. Da outra banda, hai catro salarios que aforrariamos (durante catro anos, máis asesores, dietas, choferes e demais). A columna final amosa a quen beneficia esta forma de facer trampas de forma institucional.

Parliament simulation

Josep Anglada guiando os traballadores

Independentemente da conveniencia ou non dos rescates bancarios, teño que admitir que cando escoito frases pseudoluditas como esas de que “que paguen a crise os que a causaron” (e con eses causantes refírense aos bancos) a cabeza empeza a virarme máis rápido cá da nena do exorcista. Porén é un lugar común entre os meus amigos de esquerdas, a miña familia, e tamén nos medios de esquerdas e no pensamento esquerdeiro que domina en Occidente. Francia bloquéaa xente que protesta contra o incremento de dous anos na idade de xubilación (mentres as rúas calan cando se trata da racista deportación masiva de xitanos). Grecia, Irlanda e Portugal andan medio acendidos xa, e se escoitamos a algúns medios de comunicación españois, parece que a Terceira República vén de camiño e que Xoán Carlos xa ten as chaves no contacto dun avión na base de Torrejón.

Con todo, cando esas masas revolucionarias acoden aos colexios electorais transmiten unha opinión bastante sorprendente. Dunha banda tenden a votar por partidos que perciben como de dereitas (sexan conservadores ou liberais), desertando non só dos gobernantes partidos laboristas ou socialdemócratas, senón tamén desas forzas alternativas da esquerda marxinal que prometen novos paraísos á esquerda de Marx e que aseguran a berros que van poñer os puntos sobre os is. Pola outra banda estas supostas masas de empobrecido proletariado industrial, que levan décadas vivindo por conta das axudas sociais ou dos subsidios públicos, repartidos á esgalla polos sempre xenerosos partidos laboristas, e que nestes momentos están sufrindo o ataque máis cruel da crise danlles os seus votos a partidos de ultradereita. Está a pasar iso?

Plataforma per Catalunya, liderada polo xenófobo Josep Anglada, non conseguiu superar o 3% mínimo en boa medida polos seus cativos resultados na cidade de Barcelona. Só en dous barrios Ciutat Vella e Nou Barris, superaron o 2%. Son eses os típicos barrios de dereitas onde viven as clases acomodadas de Barcelona? Máis ben todo o contrario. Ollemos pra unha cidade modelo das roxas e industriais de toda a vida, como L’Hospitalet, onde este partido racista sacou máis do 4% dos votos. Os partidos de esquerda perderon 14.000 votos nesta cidade mentres que CiU e o PP gañaron 8.000. Fáltanos algo? Si, 4.000 votos levou a PxC. O fenómeno repítese en proporcións bastante semellantes na maior parte do cinto roxo de Barcelona (Badalona, Cornellá…), pero tamén reproduce o mesmo padrón de trafego de votos entre Laboristas británicos e o parafascista BNP nas últimas Europeas.

Por sorte, a PxC non conseguiu sobardar o limiar e non sentará no Parlament. Paga a pena lembrar que non sentou en ningún parlamento español ningún deputado de ultradereita dende 1982.  Con todo, o problema de que en España o sentimento racista acade expresión política non vai desaparecer só porque os medios de comunicación (e sobre todo os medios de comunicación públicos) retiren o seu nome dos gráficos televisivos. os primeiros resultados provisionais da noite dábanlle ata 3 escanos á PxC, e este feito foi agochado durante case 90 minutos polos presentadores de TVE, que saltaban na táboa dende Ciutadans a Solidaritat sen mencionaren o partido de Anglada. Tan alto como poida berrar contra o racismo, berrarei contra a censura intencionada nos medios públicos. A ultradereita pode ser derrotada coa verdade: os slogans simplistas e as realidades semiocultas o único que fan é acurtar o camiño que separa os supostos traballadores de esquerdas da PxC e similares.

Por favor, comenta no idioma que queiras, pero na versión en inglés wannabe.