O nome dos paxaros mortos

by xabier

A terminoloxía ten que ir por detrás da realidade, pero en ocasión de determinadas novas este retraso faise por forza maior. Precisamente o primeiro de ano, cando os terminólogos de garda estaban repousando as enchentes da véspera, a unha cantidade considerable de aves acordoulles derrubarse en Arkansas (EUA). As axencias de novas denominaban as aves red-winged blackbirds, e os medios españois traducíronas rapidamente por merlos ou, nalgún caso peor, por paxaros negros. Pero eses non eran os nosos “merlos”. Pasado o episodio, deberiamos saber como lle chamamos a estes paxaros norteamericanos en galego, por se acaso volven caer de novo sobre as pantallas dos nosos ordenadores. E así fixen este post con nome de best-seller.

A familia. As  aves en cuestión pertencen ao xénero Agelaius, da familia dos ictéridos. Todas as aves desta familia, e polo tanto dese xénero, viven exclusivamente no Novo Mundo e nunca houbo un nome patrimonial en galego para estas aves. De feito, e pola súa distribución, os únicos galegos que poderían estar en contacto con estas aves son os emigrantes americanos, pero deles non sabemos (e tardaremos en saber) se lles teñen un nome especial e patrimonial.

Os nomes xenéricos máis habituais para estas aves naquela contorna son o inglés blackbird e o español tordo (ao portugués iremos máis adiante). Pero dende unha perspectiva galega, nin por tamaño, nin por fisiognomía, nin polo seu dimorfismo sexual, nin polo seu carácter gregario, parece que existan coincidencias co que en principio os galegos entendemos por tordos e pola tradución inglesa de blackbirds, ou sexa, merlos (volveremos a isto máis adiante).

CC Walter Siegmund http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Agelaius_phoeniceus_0123.JPG

As especies. Estes son os nomes das especies do xénero Agelaius en inglés, portugués, español e francés.

aves_Page_1

Lista de especies Agelaius (1). En rosiña, os Agelaia que caeron en Arkansas.

aves_Page_2

Algunhas destas especies danse no subcontinente sur, outras no subcontinente norte, e outras son endémicas de pequenas áreas, como Cuba, California e Porto Rico. Conclusións posibles:

  • as linguas parecen adoptar denominacións comúns para todo o xénero, probablemente porque de patrimoniais estas opcións teñan ben pouco.
  • os epítetos son habitualmente fisiodescritivos (case se diría que cromodescritivos), se ben en casos concretos o hábitat ou a distribución xeográfica aparecen mencionados.

Primeira decisión: un nome pra cinguilos a todos?

Parecería o natural. Son aves bastante semellantes, de formas comúns e etoloxías comúns, que viven todos elas en América e que, sobre todo, nas principais linguas da nosa contorna reciben nomes comúns: blackbird en inglés, carouge en francés, e, en español, mayito, varillero, tordo ou turpial, dependendo da área dialectal. Todas? Non. Unha lingua, a máis importante para nós, carece desa proposta común, en boa medida porque poucas destas especies teñen distribución en áreas lusófonas e enfrontan o mesmo problema ca nosoutros. Aínda se adoptásemos os nomes brasileiros desa media ducia de especies de aves… que fariamos cos demais? Colleriamos un nome xenérico?

Segunda decisión: merlos, tordos ou que?

Temos varias opcións.

  1. Traducimos do inglés e aos blackbirds chamámoslles merlos de ás vermellas, merlos de lombo vermello etcétera.
  2. Traducimos do español e aos mayitos chamámoslles tordos de ás vermellas, tordos de lombo vermello etcétera.
  3. Adaptamos o nome científico e chamámoslles axelaios de ás vermellas, axelaios de lombo vermello etcétera.
  4. Buscamos un nome patrimonial galego que poida referirse a aves maioritariamente negras.

De todas estas, coido que a mellor solución é a primeira e a cuarta, combinadas. En galego, o termo merlo serve tamén para designar distintas aves de cuberta eminentemente negra, mesmo de non túrdidos. Así, temos un merlo rieiro, un merlo pedrés (que Aníbal Otero aparella ao Parus ater, no canto de ao correcto Phoenicurus ochruros), e mesmo un merlo garleiro, pró vichelocrego, unha ave que garda bastantes semellanzas en aspecto con algúns dos Agelaia examinados aquí.

Velaquí a miña proposta, onde predominan as denominacións fisiognómicas (dos machos), combinadas con caracteres de distribución cando a fisiognomía faise complexa na distinción e as aves son endémicas desas determinadas áreas. En dous casos de formas especialmente pouco estéticas, boto man de formas lusófonas como alternativa.

Xanthospar flavus: Merlo amarelo
Agelaius thilius: Merlo de ás amarelas
Agelaius xanthophthalmus: Merlo de ollos dourados
Agelaius cyanopus – Merlo monocor, carretán
Agelaius phoeniceus – Merlo de ás vermellas
Agelaius assimilis – Merlo de Cuba
Agelaius tricolor – Merlo de California
Chrysomus icterocephalus – Merlo encapuchado
Agelaius humeralis – Merlo de ás rubias
Agelaius xanthomus – Merlo de Porto Rico
Agelaius ruficapillus — Merlo de cabeza marrón, garibaldi.