Os erros bravos de #Aritmética20N
by xabier
A falla de transparencia dos cálculos feitos pola xente que estea detrás de #Aritmética20N dificulta moito saber onde estivo o erro nas súas contas. Pero as súas previsións con respecto ás eleccións españolas do 20 de novembro de 2011, e en concreto, con respecto aos datos galegos, son clamorosamente erradas. Vou tentar expoñer os datos correctos seguindo a súa lóxica do que é o voto útil. A súa lóxica non coincide coa miña, pero iso agora é irrelevante.
Os votos por escano
Primeiro cálculo mal feito. Este cálculo parte de que todos os escanos custan os mesmos votos dentro da mesma provincia, pero iso non é así. Se nunha provincia un partido A obtén 100.000 votos e 1 escano, o seu escano vale 100.000. Pero se polos resultados das outras forzas, voto arriba voto abaixo, en vez de corresponderlle 1 escano lle corresponden 2, o seu escano vale 50.000 (é dicir, xusto a metade). Iso quere dicir que o valor de escano é igual ao número de votos conseguido por cada formación, dividido polo número de escanos atribuídos a eses votos.
Pódese calcular, iso si, o número de votos que valeu o último escano nunha elección determinada. Ou sexa, os votos que lle custou ao partido que levou o último escano repartido conseguir ese escano.
Por exemplo, e con respecto a Galicia, #A20N di que os prezos por escano son 52.498 (C), 35.207 (L), 33.982 (O), e 60.051 (P). Esas cantidades non se sabe moi ben de onde veñen, pero en calquera caso son falsas, inventadas ou, como pouco, enganosas. Os últimos escanos de Galicia repartíronse en 2008 con estas cantidades: 79.172 (C), 51.346 (L), 47.157 (O) e 70.735 (P). Ou sexa, entre 10.000 e 25.000 votos máis do que di #A20N. Un erro moi considerable para o que estamos valorando, e que é aínda maior proporcionalmente nas provincias interiores.
Os votos que se necesitan para conseguir escano
Sempre baséandonos nos resultados de 2008, do que trata a táboa de #A20N é aconsellar cal é o mellor partido para votar que non sexa PP-PSOE e co fin de que obteña escano. #A20N sinala que, en Galicia, sempre por esta orde, BNG e despois EU. Porén, esquece que o BNG xa ten escano en dúas provincias, feito que distorsiona completamente os cálculos. Pero vaiamos provincia a provincia.
A Coruña
Segundo #A20N, o BNG necesitaría apenas 2000 votos para obter un segundo escano. Iso é completamente falso. Con respecto aos resultados de 2008 BNG necesitaría uns 69.514 votos máis (33 veces máis do que di #A20N) para arrebatarlle un novo escano ao PP. EU, pola súa banda, necesitaría 67.503 máis para conseguir entrar no reparto. Xa que logo, se désemos por consolidado o escano do BNG, a mellor opción de #A20N tería que ser EU e non BNG.
Aí non mencionamos que EU tería que medrar un 600% para obter ese escano, nin que o BNG tería que obter 153.000 votos, aos niveis do seu máximo histórico das autonómicas de 1997, para conseguir o seu segundo. De feito, tamén obviamos que BNG e EU pelexarían por ese escano, co cal en realidade o prezo sería bastante maior.
Outra cousa que tamén obviamos é que as enquisas prevén que o PP obteña unha maior porcentaxe de votos. Iso significa que para o PP, nestas circunscricións atlánticas, vai ser aínda máis sinxelo obter deputados ca para o resto dos partidos. Por exemplo, e sempre segundo os resultados das eleccións de 2008, o PP necesitaría o moi improbable 60% dos votos para quitarlle o escano ao BNG, sempre que o BNG se mantivese na porcentaxe de votos daquel ano. Pero se o BNG perdese unicamente un 2% dos votos totais para o PP sería máis sinxelo, e só necesitaría o 50% dos votos para quitarlle o escano ao BNG, algo que ten ao alcance da man. Isto é, iso si, sempre que o PSOE mantivese a súa representación e os seus votos.
Pontevedra
Os cálculos pontevedreses son bastante semellantes aos coruñeses. O BNG necesitaría 95.322 votos máis ca en 2008 para sonseguir o seu segundo escano. Isto é, bastante máis ca dobrar os votos conseguidos en 2008. De feito, suporía conseguir o seu máximo histórico en calquera elección ata a data. EU necesitaría 73.405 votos, é dicir, multiplicar os seus de 2008 por 8, aproximadamente, para obter un escano. En realidade, aínda que poida parecer estraño, é máis sinxelo para EU obter ese escano que para o BNG, en parte porque EU llo quitaría ao BNG.
O interese pontevedrés, máis có coruñés, é saber se o BNG vai ser capaz de reter o seu escano, algo altamente improbable. Perderíao se o PP medrase unicamente un 1%, e un dos escenarios viables onde o mantería é se milagrosamente o PP non medrase por riba do 50%, pero se ao mesmo tempo o PSOE caese por baixo do 30% (é dicir, nun escenario de medre xeneralizado doutras opcións, sexan UPyD, EU, C21 ou quen for).
Lugo e Ourense
As provincias interiores son moi sinxelas porque é practicamente imposible que ningún partido fóra do PP ou do PSOE obteña escano nestas circunscricións. Unicamente Coalición Galega obtivo unha vez un deputado por Ourense, pero daquela a provincia escollía 5 deputados, non 4 como agora.
En Lugo, e tomando como referencia os resultados de 2008, un partido ten que conseguir máis do 20% dos votos para poder obter escano. Iso non o conseguiu o BNG nin nas autonómicas de 1997 (o seu máximo histórico), cando non pasou do 18.8%. O BNG tería que dobrar os seus resultados de 2008, por exemplo, (24.603 votos, e non 3.667 como inventa #A20N). EU tería que ter 48.989 votos, é dicir, un 2400% máis do que tivo en 2008. É máis, nin sequera se se unisen todos os votos de todos os partidos que non foron PP e PSOE (e que en 2008 incluían dende Falange ou AN ata BNG ou PCPE) quedarían preto dese cuarto escano (a un 5% del).
Ourense é moi semellante a Lugo. O BNG tería que aumentar 20.922 votos (preto de dobrar os seus resultados), algo máis dos que obtivo naqueles históricos comicios autonómicos de 1997. EU tería que obter 45.500 votos en Ourense (un 2800% máis). Da mesma maneira, nin sequera uníndose todos os partidos que non foron PP e PSOE estarían preto de obteren o cuarto escano por Ourense.
En resumo
Se votas na Coruña ou en Pontevedra, pode ter interese para ti que o BNG reteña os resultados acadados en 2008, pero nunca poderá aumentalos. Se votas en Lugo ou en Ourense, o teu voto, se non é para PP ou PSOE, é divertida, libre e gozosamente inútil.
Disclaimer
Son membro do partido Converxencia 21. Non fago isto como propaganda desta formación, senón para que non se manipule o concepto de voto útil. Que cadaquén vote o que lle pareza.
Comments
Non merecia tanta atencion. Quedemonos co dato de que hai quen ou ben non sabe ou ben non se sente mal por mentir e perverter o conhecemento. Quer por ignorancia quer por crer que todo medio vale para os seus fins non merecen que os votemos.
[COPYPASTE dun email enviado por #Aritmética20N]
llegas un poco tarde. hemos dado 10 días para discutir con todo el mundo los resultados. criticas es facil pero construir muy pocos los saben hacer. Estas personas son las que nos interesan
saludos
Grzs polo desasne. A min xa me parecía un cálculo errado, pero por non ter en conta que os demais tamén medran. A resposta dos autores -supoño que ben intencionados- da Aritmética, inenarrable.
Ola Xabier,
non me gusta o tono do discurso de #A20N, pero penso que o teu post é excesivamente crítico, e que a clave é que ti te baseaches únicamente nos resultados do 2008 e #A20N nos das municipais de 2011 ou nunha estimación na que priman os resultados desas últimas eleccións. Iso non quere dicir que eles mentiran nin erraran clamorosamente nas súas contas como queres facer ver no post, senón que son distintas conclusións baseadas en datos de partida distintos, cas que podes estar máis ou menos dacordo.
A primeira crítica está mal feita. Poida que non deixasen claro que significa “precio del escaño” pero na páxina de #A20N poñen enlaces a ley d’Hont, e por iso xa poderías pensar que non serían tan descoidados para non tela en conta. Lanzácheste a deslexitimizalos porque creiches que usaron un valor de votos para os escanos constante e explicas qué é a ley d’Hont para chegar a conclusión de que se pode calcular o número de votos que valeu o último escano, que de feito xa é o que fai e pretende mostrar a páxina de #A20N.
Dices que non sabes de onde veñen as cantidades e cómo foron calculadas e critícalos duramente dicindo que son falsas, inventadas ou enganosas deixando ver unha certa intención de manipulación, pero na páxina de #A20N din:
“Cálculo estimado de la tercera opción y cuarta opción más asequible, en función de los resultados electorales del 2008, 2011 y la encuesta del CIS.”
Ti só te quedaches coa parte dos resultados do 2008, e non te equivocas, pero é unha crítica sesgada. E eles é verdade que parece que tiveron moi pouco en conta ou nada os datos do 2008, pero se fas uns números só cos datos das municipais de 2011 verás que non minten nin erran tanto. Tampouco é que sexan tan pouco transparentes como comentas, enlazan ao link dos resultados das municipais 2011 en “El País” dende a súa páxina. Eu fíxen os cálculos con estes datos e sí que saen as contas tal como din en #A20N.
Outra discusión é que as estimacións sexan máis ou menos atinadas tendo en conta se son resultados de eleccións xerais ou municipais, pero quizáis tampouco son tan descamiñados, a subida do PP xa se deixou ver nas municipais, son moi recentes e o CIS dá unha previsión similar de escanos para o 20N con respecto aos resultados das últimas municipais (ainda que persoalmente teño as miñas dúbidas de que se cumpran).
Sinceramente, non vexo unha intención manipuladora na proposta de #A20N e tampouco a vexo tan tan errónea polo menos coma previsión. Non pertenzo a ningún partido nin a #A20N.
Mmmm, discrepo, Adrián.
O que me molesta de Aritmética20N non é que pidan o voto para unhas opcións determinadas, senón que se vistan cunha pretendida coiraza científica, cando os seus cálculos son, simple e claramente, despropósitos, intuicións ou ganas de que pase iso. Despropósitos que calquera pode corrixir ou amañar.
O prezo do escano, por exemplo. Non hai ningún cálculo imaxinable (polo menos que eu poida imaxinar) polo que lle poida dar un prezo por escano tan baixo. Iso non é errar nunha presada de votos, é errar ao grande. Desgrazadamente custa mooooito máis ter un escano. Aí están enganados ou queren enganar, pero como non din como o fan é difícil saber se están nun extremo ou no outro.
O cómputo de votos é moito máis complexo. Para empezar porque, como ti ben sinalas, din que empregan un pupurrí de votos do 2008 (xerais) co 2011 (municipais, con outro tipo de partidos e outro tipo de pautas de voto distintas), cunha suposta enquisa do CIS onde non se ofrecen os datos desagregados por provincias. Como se combinan eses parámetros? Nin idea, misterio, misterioso.
Non quixen dicir que detrás de A20N estea un partido determinado. E se se puido entender isto, retíroo explicitamente. Tampouco lles discuto a idea de “voto útil”, coa que discrepo diametralmente. Só lles pido que boten as contas correctamente. E equivocarse en 90.000 votos arriba, 90.000 abaixo, como fan, é demasiado pasarse.
Por demais, eu fixen os cálculos sobre 4 provincias nun par de horas. Cunha táboa de datos faríase aínda máis rápido. Non era hercúleo o choio. Nin facían falta licenciaturas.
Xabier,
a vista dos resultados tiñas razón. Penso que o engano e falta de rigurosidade de #A20N foi dicir que tiveron en conta os resultados do 2008, xa que case con seguridade (polo menos con Galicia) fixeron as contas exclusivamente en base aos resultados das municipais de este mesmo ano e, ainda que as contas saen, se xa era un pouco utópico e apelando a épica, tampouco contaron coas subidas duns 8 puntos do PP e as de EU e UPyD e tanto reparto no voto que aumentaron aínda máis as diferenzas.
O que sí, os resultados das municipais prácticamente concordan en escanos coa previsión que tiña o CIS e que se cumpriu agora nas xerais (de ahí supoño que virá o que din que tiveron en conta do CIS) e o número de votos do PSOE que sí que foi moito máis parecido ás municipais, pero equivocaronse bastante cos do PP e do BNG que pola súa banda foron moito máis parecidos aos do 2008.
Non sei, pero dame a impresión que de que moito voto do PSOE se foi para a dereita, porque nin coa abstención, nin os votos da “esquerda” sumados me saen as contas. Ainda que o BNG se manteu, creo que deberían reflexionar sobre os resultados…
A taboa dos meus cálculos pódela ver aquí:
http://www.editgrid.com/user/gdatelin/Votos-Escanos_Galicia_2008-2011