O manifesto dos 343 cabróns

by xabier

Comparto todo o que se di neste manifesto, aínda que haxa matices nalgunhas palabras cos que poida discrepar. Traduzo do orixinal en francés.

Cando se fala de prostitución, nós somos crentes, practicantes ou agnósticos.

Algúns de nós foron, van, ou van ir aos e ás putas, e nin sequera se avergoñan.

Outros, sen ser clientes (por motivos que só a eles lles competen) non tiveron, nin terán xamais, o reflexo cidadán de denunciar os seus coñecidos que recorren ao amor baixo tarifa.

Gais e heteros, libertinos e monógamos, fieis e virandainas, somos homes. Pero iso non significa que sexamos os frustrados, os pervertidos ou os psicópatas que describen os partidarios dunha represión disfrazada de loita feminista. Paguemos ou non polas relacións carnais, non poderiamos, en ningún caso, prescindir do consentimento dos nosos amantes. Pero consideramos que cadaquén ten dereito a vender libremente os seus engados, e mesmo de que lle guste facelo. E rexeitamos que os deputados diten normas para regularnos os praceres e os desexos.

Non nos gusta a violencia, nin a explotación nin o tráfico de seres humanos. E agardamos que os poderes públicos poñan todo da súa parte para loitar contra as mafias e sancionar os proxenetas.

Amamos a liberdade, a literatura e a intimidade. E están en perigo cando o estado mete o fociño no que temos entre as pernas.

Hoxe a prostitución. Mañá a pornografía. E pasadomañá, que nos prohibirán?

Non cederemos ante as ligas da vida virtuosa que atacan as mulleres (e os homes) de vida alegre. Contra o sexualmente correcto, pretendemos vivir como adultos.

Todos xuntos, proclamamos:
Non toques a miña puta!